Tuesday 14 de May de 2024

O Concello aposta por un San Xoán nos barrios mantendo as medidas de seguridade


As praias da cidade permanecerán pechadas esa noite para evitar aglomeracións

A alcaldesa, Inés Rey, anunciou esta mañá que San Xoán se celebrará nos barrios de xeito similar ao ano pasado, que será unha festa familiar nas rúas co fin de evitar as aglomeracións. “Será unha festa do inicio do verán onde a xente poderá gozar das churrascadas e sardiñadas, sempre mantendo as distancias de
seguridade”, dixo.

A alcaldesa lamentou que o San Xoán coruñés non poida ser coma sempre, que non se poida celebrar nas praias. “Estamos dando pasos cara á recuperación da normalidade, pero evidentemente todas as decisións que tomamos se fan en base á situación epidemiolóxica, para que non supoñan unha marcha atrás”, dixo.

Para a rexedora, celebrar a noite de San Xoán nas praias con miles de persoas nos areais non é prudente e supón un gran risco nestes momentos, en especial porque a xente quebaixa aos areais é moi nova e aínda non recibiu ningunha vacina. “Aínda que xa non estamos no estado de alarma e que os datos invitan ao optimismo, a crise sanitaria da COVID-19 persiste e non se entendería que no mes de xuño se poidan xuntar 120.000 persoas nos areais”, dixo.

Rey valorou positivamente a actitude da veciñanza durante as celebracións do ano pasado en que non se produciron incidentes, e destacou a enorme responsabilidade mostrada tanto pola cidadanía como polas persoas responsables da hostalaría, que garantiron en todo momento as medidas de seguridade. Por iso, pídelle á veciñanza que faga un esforzo extra  para que “o próximo ano podamos celebrar San Xoán por todo o alto; o San Xoán e todo o que temos pendente”.

Coma o ano pasado non se poderá realizar algunha das actividades que viñan sendo tradicionais. Pecharase o acceso aos areais que deberán baleirarse de persoas ás 21:00 horas. Non se poderá facer cacharelas en ningún espazo público da cidade, nin poderá haber música ao vivo, nin se autorizará peche de vías públicas. Todo isto para evitar que se produzan reunións dun número excesivo de persoas.

Esa noite permitirase realizar sardiñadas, churrascadas ou similares en espazos de titularidade pública. Para isto, será preciso que as persoas interesadas presenten unha declaración responsable por escrito ao Concello, manifestando cumprir os requisitos para desenvolver a actividade e identificando a dúas persoas maiores de idade con todos os seus datos de identidade e contacto. A declaración poderá presentarse a través da sede electrónica municipal ou nos rexistros, logo da cita previa sempre con 24 horas de antelación.

Non estarán permitidas as churrascadas nin as sardiñadas en zonas forestais ou baixo o arboredo de parques e xardíns. E tampouco no trazado do oleoduto, no Parque de Bens, no Monte de San Pedro, nos Xardíns de Méndez Núñez, nos Xardíns de San Carlos, na praza das Bárbaras e na contorna da Torre de Hércules, incluído a zona das Lapas.